Consultora Galega SLU

Somos un grupo consultor multidisciplinar constituído como Sociedade Anónima no ano 1979, transformada en Sociedade de Responsabilidade Limitada no ano 1992 e en Sociedade Limitada Unipersoal no ano 2016.

Fundada por nove profesionais de distinta titularidade e con experiencias profesionais conxuntas e prolíferas xa daquela, a nosa empresa naceu coa pretensión de abranguer a complexa realidade territorial e socioeconómica de Galiza desde os ámbitos da ordenación do territorio, o planeamento, o urbanismo, a arquitectura, as distintas ramas da enxeñería, a economía, a socioloxía, o medio ambiente, o transporte, a vivenda...; todo elo baixo a óptica non só do estudio e a proxectación, senón tamén da xestión e o asesoramento. Velaí que se houber de salientar unha faceta da prestación dos nosos servizos, habería que dicir que esta non foi nin é outra que o ofrecemento dun servizo integral aos nosos clientes, ao longo dos mais de trinta anos de experiencia.

Tanto antes como despois de modificar o carácter mercantil da sociedade, no desenvolvemento dos traballos elaborados por Consultora Galega teñen colaborado moreas de prestixiosos profesionais das máis diversas disciplinas e das máis variadas procedencias, factor decisivo na calidade que decote teñen os productos - estudios, plans, proxectos, informes, relatorios, dictames, etc.,etc., saídos da nosa factoría.

Aínda que o noso labor se teña centrado fundamentalmente en Galiza, nesa xa longa andaina profesional, Consultora Galega desenvolveu importantes actividades noutras Comunidades Autónomas españolas e cumprimentado moreas de encargos realizados, preferentemente, como resultado de termos gañado outros tantos concursos, convocados pola Administración Central, especialmente polos Ministerios que, baixo diferentes denominacións, acolleron nestes anos as competencias en Obras Públicas, Urbanismo, Transportes, Medio Ambiente, Arquitectura, etc., así como o Ministerio de Cultura que, ata terse producido o traspaso de competencias ás comunidades autónomas, era o titular de patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico, etnográfico e cultural.

 

Consultora Galega S.L.U. é unha empresa independente que non mantén ningún tipo de vencello con grandes empresas ou grupos de empresas, agás nos compromisos expresamente adquiridos e asumidos á hora de verificar ofertas en concursos públicos (U.T.E.).

Poren, Consultora Galega S.L.U. si ten un vencello e un compromiso nidios co noso país, con Galiza, traducido na permanente posta a disposición das administracións e da poboación galegas, aquilo que un grupo de profesionais como o noso pode ofrendar: o seu saber, a súa experiencia e coherencia como grupo interdisciplinar, concretados no eido de todo aquilo que ten que ver coas transformacións ordenadas do territorio, ben sexa este un espazo pequeno (un solar ou unha agra), ben sexa un territorio amplo: un ou varios termos municipais, unha ou varias comarcas e, mesmo, o país enteiro.

Ese compromiso con Galiza tradúcese igualmente co emprego permanente e desde a súa fundación como empresa, do idioma galego na totalidade dos traballos encomendados por institucións, asociacións, empresas ou particulares do noso país.

Pero, consciente da importancia do fenómeno coñecido como globalización, Consultora Galega está encetando a súa expansión en territorios non só da Unión Europea, senón tamén de outros territorios nos que pretende desenvolver a súa actividade.